Bos cidadáns (La Voz de Galicia - Opinión)
Os bispos galegos, serodiamente, chaman a obxectar contra a Educación para a Cidadanía porque "contradí o ideario das escolas católicas" e o dereito dos pais a elixir a formación moral e relixiosa dos seus fillos. Certo que tamén publicaron o mesmo día un manifesto en apoio dos mariñeiros na crise pesqueira, pero isto non tivo eco algún nos medios, porque non é tan polémico.
A verdade, un xa vai un pouco aburrido dun tema que cheira ao de sempre. A confrontación é máis política que educativa. Coido que todos estariamos de acordo na necesidade de aprender a vivir como cidadáns nunha sociedade democrática, coñecendo e practicando os valores cívicos dentro e fora das aulas.
Como recordaba recentemente Manuel Dios, os contidos curriculares da nova materia na súa práctica totalidade forman parte dos eixos transversais; e se nos detemos nos libros de texto máis coñecidos (J. A. Marina, C. Pellicer ou Moisés Lozano), vemos que amiormente inciden na educación afectivo-emocional, a igualdade, as relacións interpersoais ou a violencia de xénero... En fin, a cultura da paz.
Os bispos falan de vontade de "adoutrinamento" dos socialistas. Manda truco, quen foi falar. Co evanxeo na man, ao remate da nosa vida non se nos vai xulgar polos coñecementos ou prácticas relixiosas, senón polo ben ou mal que lle fixemos ao irmán. Hai uns días, nun debuxo de El Roto, un Cristo desde a cruz dicía sabiamente: "¡Prefiro bos cidadáns a malos fregueses!". Na escola cómpre educar bos cidadáns, na parroquia bos fregueses; ambos espazos deberían ser completamentarios, non confrontados.
Victorino Pérez Prieto
DE COTÍO

Chúzao
del.icio.us